19:33 h. Domingo, 23 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO DA ROTONDA

Caballero contesta á veciñanza de Coia con "autoritarismo" e críticas a BNG e CIG no pleno

O alcalde respondeu con descualificacións á veciñanza de Coia, que paralizou o último pleno do ano para mostrar a súa oposición á obra. Aprobouse unha moción do BNG que obriga a repoñero axardinamento. [Vídeo no interior]

Redacción | @VigoDixital  |  22 de Decembro de 2014 (22:16 h.)
Máis accións:

[Imaxe: Ernesto Ilkerman]
[Imaxe: Ernesto Ilkerman]

A tensión era palpábel minutos antes do último pleno do ano no Concello de Vigo. Decenas de axentes da Policía local, integrantes a maioría do grupo especial GOA, custodiaban ao público, moi numeroso, que foi cacheado antes de subir á sala plenaria.

A sesión comezou coa intervención do presidente da Asociación San Francisco e coa votación de tres mocións do goberno municipal. Mais todos os ollos estaban postos na moción presentada polo BNG, que pediu que se repoña a xardinería da rotonda de Castelao, despois de que fora eliminada pola maquinaria de Civis Global no comezo das obras. 

Cando chegou o momento, unha quincena de veciños e veciñas de Coia sacaron carteis contra a instalación do Bernardo Alfageme. Catro defensores do goberno municipal, os coñecidos como ‘palmeros’, respondéronlles en defensa do grupo socialista ao berro de “barco si”.

 

 

Caballero e Carmela Silva, enfurecidos

A sesión estivo máis de dez minutos parada durante este intercambio de berros, mentres o alcalde Abel Caballero se mantivo en silencio, cun sorriso na cara. Logo arremeteu, visibélmente molesto, contra a CIG e o BNG, a quen acusou outra vez de estar detrás da loita veciñal. Asegurou que os opositores na sala plenaria eran “reventadores profesionais”, termo que utiliza repetidas veces, malia que ningún militante das dúas forzas estaba entre o público. 

Caballero asegurou que os opositores  eran “reventadores profesionais do CIG e o BNG”, malia que ningún militante das dúas forzas estaba entre o público. 

A tenente de alcalde, Carmela Silva, tamén anoxada, limitouse a berrar que era unha “vergoña”, en dirección á bancada nacionalista. A intervención posterior do concelleiro de Fomento, David Regades, acendeu máis os ánimos dos presentes, insinuando incluso que o sindicato utiliza as subvencións para facerlle oposición ao Concello.

Na quenda de resposta, o edil do BNG Xabier Alonso pediulle respecto a Caballero polas súas afirmacións, mentres que Veloso cualificou a súa intervención de “autoritaria". No grupo popular tamén se escoitaron voces discordantes ante a actitude do alcalde. 

A moción rematou co final esperado, aprobada cos votos favorábeis do BNG e o PP e os votos en contra do PSOE. Unha nova mostra de rexeitamento ante os plans de colocar un barco nunha rotonda. Polo momento, as obras estarán paralizadas até 2015, fóra do prazo desexado por Caballero.  

A CIG exixe que Caballero se desculpe

A CIG emitiu esta mañá un comunicado asinado polo seu secretario comarcal, Alberte Gonçalves, diante do que calificaron como "graves descualificacións e falsidades" verquidas por Caballero no pleno. No mesmo, o sindicato nacionalista clarificou que "ningún dirixente, representante ou asalariado" da central sindical participou no protesto no pleno.

Asemade, desmentiron que a CIG sexa promotora ou organizadora do movemento social que desde hai dúas semanas paraliza as obras na rotonda de Castelao. "Trátase dunha lexítima oposición organizada, protagonizada e liderada por veciños e veciñas do barrio de Coia, que expresan de maneira pacífica e facendo uso das liberdades democráticas a súa desconformidade cunha decisión política. Un exercicio cívico que entendemos debe ser respectado en democracia." aseguran na nota.

A CIG por boca do seu máximo responsábel na comarca exixiu a Abel Caballero "unha rectificación e desculpas públicas". De non o facer, advertiron de estaren dispostos a acudir  "a todas as instancias ás que puider para salvagardar o bo nome da organización diante de deliberadas intoxicacións". De feito, a dirección do sindicato xa puxo en coñecemento da súa asesoría xurídica "para o estudo e preparación de eventuais accións legais",