20:51 h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO DA ROTONDA

Aumenta a represión contra a veciñanza crítica de Coia

Dous veciños detidos e acusados, decenas de persoas identificadas e sancións por apoiar a protesta dende o seu vehículo son o saldo tras un mes de resistencia veciñal. [Vídeo no interior]

Redacción | @VigoDixital  |  08 de Enero de 2015 (16:57 h.)
Más acciones:

Concentración en apoio ao veciño detido en Coia (Foto: Rubens Rocha)
Concentración en apoio ao veciño detido en Coia (Foto: Rubens Rocha)

A veciñanza de Coia cambiou este xoves a rotonda polos xulgados. O colectivo veciñal concéntrouse en apoio a J.J.R , o veciño acusado de atentado contra a autoridade no desaloxo da rotonda do pasado mércores. Os e as opositoras á instalación do Bernardo Alfageme na redonda de Castelao denuncian que a Policía Local está a aumentar a represión contra a protesta, tras un mes de resistencia.

O veciño detido declarou no xulgado, en xuízo rápido, tras ser levado onte a comisaría, así como o axente da Policía Local que o denunciou. A defensa de J.J.R conseguiu finalmente que se abra xuízo ordinario, que se celebrará o día 4 de febreiro, co fin de presentar testemuñas e probas documentais. Até o 27 deste mes non se coñecerá a acusación contra o veciño, data na que o axente pasará polo forense para ter o informe médico definitivo. 

Testemuñas aseguran que non é posíbel que lle provocara a lesión no pulso como defende o axente municipal lesionado.

O policía municipal é coñecido pola veciñanza, que o increpou á súa chegada e saída dos xulgados. Un dos opositores contaba como nos primeiros días de protesta foi un dos axentes que se achegou con vontade de diálogo. Ante a negativa dos veciños e veciñas a abandonar a rotonda, aseguran que cambiou a súa actitude e foi relegado a labores de tráfico.

A veciñanza tamén denuncia lesións

O axente ten unha lesión no pulso, segundo o parte policial, e pediu indemnización a J.J.R polos presuntos danos. Os feitos producíronse durante os forcexeos entre Policía Local e veciñanza, que retomara a rotonda tras o seu valado. Testemuñas aseguran que non é posíbel que lle provocara a lesión no pulso, mais o axente defende que foi no momento de trasladalo á comisaría. O veciño enfróntase a unha pena mínima de dous anos de prisión.

Varios veciños e veciñas denuncian ademais as lesións provocadas polos propios axentes no desaloxo, que se fixo pola forza. Algúns relatan como foron sacados a rastro ou empurrados. Minutos antes identificaran á vintena de persoas que resistían na rotonda. Unha práctica xa habitual no conflito, en ocasións de madrugada, así como que a Policía saque fotografías aos manifestantes. 

O outro método de presión policial que denuncian dende Coia son as sancións que recibiron, polo momentos, dous veciños por pitar dende o seu vehículo como sinal de apoio aos concentrados. 

[Vídeo: Rubens Rocha]

O primeiro detido non estaba na rotonda

A acusación contra o outro veciño detido S. (prefire manter anonimato) continua aberta polas mesmas causas. O seu caso produciuse o pasado 15 de decembro, cando outro desaloxo rematou con numerosas identificacións, varios opositores feridos e un axente municipal lesionado. Fontes cercanas aseguran que S. non pode ser o autor material dos feitos porque non estivo presente na rotonda durante ese día, como proban as imaxes e vídeos, e que durmía na súa casa durante a carga policial.