05:41 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A INICIATIVA PROMOVE O COÑECEMENTO MUTUO ENTRE GALIZA E A LUSOFONÍA

Ponte nas Ondas entrega os premios do seu 20 aniversario

Redacción | @VigoDixital  |  04 de septiembre de 2014 (02:10 h.)

Esta quinta feira (xoves) no edificio Miralles da Universidade de Vigo terá lugar a presentación dos galardóns Boas Ondas a 80 traballos de 57 institucións educativas de Galiza, Portugal e Brasil.

Xa van 20 anos que a Asociación pedagóxica e cultural  Ponte nas Ondas leva adiante esta experiencia educativa centrada na comunicación entre Galiza e Portugal. Unha iniciativa pioneira en moitos aspectos. Tanto no relativo ao coñecemento mutuo entre Galiza e a lusofonía, o seu nacemento en 1995 cunha xornada radiofónica de 12 horas e que ano tras ano se converteu nun proxecto firme do que xurdiron libros-discos, a organización de certames de recollida de patrimonio, festival de teatro, mostras de oralidade e unha defensa dun patrimonio inmaterial común galego-portugués que promoveron máis alá das nosas fronteiras.

Esta quinta feira desde ás 17.00h na Sala Miralles da UVigo presentáranse os galardóns dos Boas Ondas, que nesta edición estarán conducidos polo xornalista Xosé Mª Palmeiro. Ademais de contar coa actuación de Uxía e Narf  proxectarase un documental da XX Xornada de Ponte... nas Ondas! celebrada o 30 de maio no campus de Vigo. 

Premiados

Nesta edición houbo preto de 80 experiencias en diferentes formatos de 57 centros educativos de Galiza, Portugal, Cuba, Colombia, Arxentina e Chile. Porén, o xurado decidiu premiar seis proxectos de Galiza, Portugal e Brasil.

Na categoría Programa Radiofónico Gravado, o galardón recae no Agrupamento de Escolas Arouca-Portugal mentres que na modalidade en directo é para o CEP Carlos Casares de Alxén, Salvaterra. O Boas Ondas ao mellor programa colaborativo recíbeno o CEIP de Cedeira, Redondela, sendo o Boas Ondas a mellor traballo audiovisual para o CEIP Santa Mariña, tamén de Redondela. Pola súa banda, o IES Val Miñor, de Nigrán, é o galardoado co Boas Ondas Patrimoniais. Finalmente, o xurado seleccionou o proxecto brasileiro Boa Vista conta história, de Paraiba, como o mellor de fóra da Eurorexión Galiza-Norte de Portugal. Todo o evento será retransmitido por internet grazas á Uvigo-TV que dende a IX edición colabora man a man con este proxecto. 

Dez anos da Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués 

Co aniversario da presentación da candidatura en Paris, Santi Veloso, Presidente da Asociación Ponte nas Ondas, apuntou para VIGO dixital que lanzaran unha campaña para recordar á UNESCO que “dez anos despois, o patrimonio galego-portugués continúa esperando o recoñecemento deste organismo, tendo en conta que é un mero tramite administrativo”.