12:08 h. viernes, 26 de abril de 2024

TRES NOVOS DESPEXOS NA CIDADE

Mensaxe da PAH ao Concello: “Antes que as beirarrúas e os xardíns están as persoas”

Redacción | @VigoDixital  |  18 de septiembre de 2014 (20:41 h.)

O colectivo denuncia que continúan a darse casos de persoas que se ven expulsas das súas casas por non poderen pagar a hipoteca e o alugueiro, entrementres há un grande numero de vivendas desocupadas. Critican a pasividade de Xunta e Concello fronte esta terríbel realidade social. [Vídeo no interior]

Malia a forte choiva desta mañá, varias decenas de persoas concentráronse ás portas do edificio administrativo da Xunta en Vigo para exixiren unha solución aos tres novos casos de despexo na cidade. A convocatoria promovida pola PAH denunciou a responsabilidade da Xunta, e tamén do Concello de Vigo, na situación que padecen Ángeles F., Teresa P. e Carlos F., que enfrontan o risco de seren desaloxadas das súas vivendas de maneira inminente. 

Tres nomes propios para un problema que medra

“Son tres casos distintos pero que comparten un problema común: poden quedarse na rúa” así explicaba Carlota Pérez, portavoz da PAH a situación destas tres novas vítimas da mercantilización extrema da vivenda. 

A suspensión do plan Aluga da Xunta deixará a Ángeles F. (61 anos) sen recursos suficientes para facer fronte o pago do alugueiro da súa casa, xa que conta con ingresos de apenas 365 euros. A única alternativa que se lle ofrece desde o Goberno galego é o seu internamento nunha residencia de maiores, extremo que rexeita a afectada que nega ter solicitado ese servizo. Unha situación semellante padece Teresa P., que cun marido gravemente enfermo e o seu fillo en desemprego, non pode pagar o alugueiro e viu como lle denegaron todas as axudas públicas. Axudas que tampouco recibe Carlos F., que denuncia que os propietarios da súa vivenda, de renda antiga, queren botalo da mesma con medidas coactivas como deixalo sen subministro de auga nin luz durante un mes.

Tres casos concretos que ilustran unha problemática que afecta a cada vez un maior número de persoas, a consecuencia dos efectos da crise e das políticas de recorte que teñen provocado o empobrecemento das clases populares.  Nos últimos tres meses executáronse 184 desafiuzamentos. O primeiro semestre do ano sáldase xa con 325 despexos, un 12,8% máis que no mesmo período do ano pasado.

Máis mobilizacións

Fronte esta situación e ante a falla de resposta por parte tanto da Xunta de Galiza como do Goberno Municipal de Vigo, a PAH expresou a súa vontade de continuar coas mobilizacións, para visibilizar esta problemática e urxir solucións que eviten que máis persoas se vexan condenadas a vivir sen teito. “Temos que erguer un muro de indignación popular que impida que [Ángeles, Teresa e Carlos] queden na rúa” proclamaron.

“Temos que erguer un muro de indignación popular que impida que [Ángeles, Teresa e Carlos] queden na rúa” proclamaron

A este respecto a voceira da plataforma reclamou un cambio nas prioridades do Concello de Vigo, instándoo a utilizar os recursos dos que dispón para facilitar alternativas habitacionais a quen non pode asumir os custes dun alugueiro ou da súa hipoteca. “Antes que as beirarrúas e os xardíns están as persoas” concluíu.

Abel Caballero prometeu que Vigo sería unha “cidade libre de desafiuzamentos”, compromiso que se visou fallido. O Goberno municipal socialista decidía hai varios meses vender os pisos dos que dispuña en Rosalía de Castro, en troca de os destinar a uso social como lle demandaban varios colectivos e o BNG.

 

[Vídeo: Vigovideo.es | Imaxe: F. Riveiro]