00:15 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

ENTREVISTA

"Na Ucraína hai un conflito imperialista instigado, financiado e armado polas potencias occidentais"

Entrevistamos a Óscar Valadares, activista do Comité Galego de Solidariedade Internacionalsita "Mar de Lumes", que convoca hoxe unha concentración en Vigo de solidariedade á Ucraína antifascista. O acto terá lugar ás 20:30h no MARCO.

Fran Veiga  |  19 de Septembro de 2014 (08:01 h.)
Máis accións:

Óscar Valadares [Imaxes: E. Ilkerman]
Óscar Valadares [Imaxes: E. Ilkerman]

O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista "Mar de Lumes" é a entidade que promove unhas xornadas en Vigo de solidariedade coa Ucraína antifascista, que inclúen unha concentración que terá lugar hoxe, sexta feira, ás 20:30h no MARCO. 

A pasada terza realizaban unha palestra arredor do conflito que se vive naquel país do leste de Europa. A mesma estivo a cargo de Óscar  Valadares, un dos activistas de "Mar de Lumes", con quen debullamos as principais chaves para comprendermos que é o que está acontecer.

Guerra civil, pugna interimperialista entre o eixo Atlántico e Eurasia, agresión imperialista da OTAN ou invasión de Rusia. Son múltiples as versións do que acontece na Ucraína. Que é o que sucede en realidade? 

A realidade no conflito na Ucraína é singularmente complexa. Mais, para sintetizar, o que se pode dicer é que tendo comezado como unha manifestación do descontentamento de certas camadas medias da sociedade, especialmente de profesionais liberais, a situación logo derivou cara a fómulas abertamente golpistas, dirixidas pola oligarquía pró-UE e pró-EUA, con apoio de sectores filofascistas e mesmo abertamente neonazistas que conseguiron tomar o poder por medio dun golpe de Estado. 

A oligarquía pró-UE e pró-EUA, co apoio de sectores fascistas, tomou o poder por medio dun golpe de Estado

A partir de aí, ese novo goberno de Kiev non repara en limites á hora de realizar unha limpeza ideolóxica en todo o territorio con medidas como a prohibición de facto (non de iure) do Partido Comunista, e que no caso particular as áreas de minoría nacional rusa, no sudeste – no Donbass –, incorpora visos de limpeza étnica. 

O conflito ameaza con sobardar as fronteiras do país... 

Hai que ter claro que a situación de conflito en Ucraína non fica circunscrita a aquel país, senón que o territorio ucraíno é apenas o "teatro de operacións" onde se xoga nesta fase un conflito maior, que envolve bloques moito maiores. 

Por unha parte, o bloque imperialista atlántico, cos Estados Unidos á cabeza, que baixo ningún concepto está disposto a asistir sen máis á recuperación da Rusia como axente de primeiro nivel no plano xeopolítico, e por outra a propia Rusia, que está a gañar de novo ese papel e non quer que outras potencias a limiten nese plano, como é lóxico. Todo isto, en todo caso, explicado de maneira moi superficial e necesariamente groseira coa realidade, que como digo é incontornabelmente máis complexa. 

Que papel están a xogar as potencias da OTAN?

A OTAN xoga o rol da ameaza constante sobre Rusia

O papel da OTAN neste conflito non é diferente ao que leva tendo desde a súa fundación. A OTAN foi criada para servir de forza militar hostil, no sentido de belicista e agresiva, non defensiva. Evidentemente, non é isto o que se dixo no momento da súa criazón nen é o que se di hoxe en día. Mais a realidade é exactamente esta. No caso da Ucraína e nesta fase concreta, a OTAN xoga o rol da ameaza constante sobre Rusia, unha vez que está plenamente introducida en áreas que antigamente facían parte do Pacto de Varsovia ou do grupo dos Non-Aliñados. E especialmente agora que Iatseniuk solicitou formalmente a adhesión do país á OTAN e que Poroshenko vén de asinar un protocolo de relacionamento preferente coa UE a camiño dunha futura integración plena, que ten como requisito facer parte da OTAN, precisamente. Ademais, na medida en que Ucraína desrecoñece a existencia de Novorossia como Estado, e na medida en que Ucraína integre a OTAN de maneira formal, a perspectiva non deixa de ser preocupante. 

E Rusia?

O papel de Rusia é tamén moi complexo en relación ao que acontece na Ucraína. Non só porque hai minorías nacionais rusas no sudeste ucraíno ás que ten dado un tratamento diferente, no caso da Crimea ou no caso do Donbass occidental. Unha diferenza que, por certo, ten sido moi criticada desde Donetsk e Lugansk, mais que ten a ver coa precaución de non escalar o conflito bélico alén das fronteiras ucraínas, polo menos en grande parte. A situación é complexa porque tamén concita problemas de cara á política exterior, pola recente entente coa China, inédita desde a guerra sino-soviética, e polo papel que a diplomacia rusa está a xogar en pontos quentes do planeta, e tamén de cara á política interior, onde as sancións europeas poden vir a radicalizar sectores oligárquicos opostos á oligarquía dirixida por Putin. Se isto se verifica finalmente, non cabe dúbida de que Rusia, como país, estaría en serias dificultades, que no fondo é o que se persegue atacando Ucraína e facendo saltar todas as contradicións entre as oligarquías rusas con tendencias opostas no plano dos relacionamentos internacionais e económicos. 

Cualifican de antifascista a resistencia popular no Donbass...

Certamente, existe ese compoñente antifascista. Se callar non asimilábel ao que no Estado español se entende como loita antifascista, historicamente protagonizada por sectores progresistas, desde o socialismo ao anarquismo, xa que no caso do Donbass a estes elementos hai que somar outros cos que seguramente calquera progresista non se sentiría moi cómodo. Aquí tamén hai que combater unha tendencia que é perversa e que se dá con certa frecuencia entre a militancia antiimperialista pola súa procedencia da esquerda: a hipercrítica dos compoñentes dunha resistencia armada, sendo incapaces de asumir a súa complexidade. 

A resistencia no Donbass é, máis do que calquera outra cousa, popular

En todo caso, a análise que temos feito en Mar de Lumes é que a resistencia no Donbass é, máis do que calquera outra cousa, popular, e só secundariamente antifascista na medida en que se opón a un goberno ultraliberal que se serve de elementos filofascistas como Svoboda e neonazis como Pravi Sektor para se impor pola forza. Quen se opor a iso é antifascista, mais o carácter primario desa oposición pode incluír formas diversas e até, en ocasións, contraditorias entre si. 

Que valoración fai da resposta por parte da chamada comunidade internacional, e singularmente da ONU, face o conflito?

Cada vez máis, o concepto de "comunidade internacional" e mesmo o papel da ONU como organización se revelan máis inoperantes e espurios, e máis dependentes da axenda que marcan os poderes do grande capitalismo. Por outras palabras, a ONU e a comunidade internacional funcionan xa e cada vez máis como correas de transmisión do imperialismo norteamericano. A capacidade para manter unha formalidade aparentemente neutral é cada vez menor. 

A disolución dos países do bloque socialista e dos non-aliñados, a negativa da UE a ter unha política exterior propia e a incapacidade dos BRICS para transcender a súa excepcionalidade económica e comezar a exercer un rol de bloque xeopolítico explican en diversos graos esta situación. E mentres estas disfuncións non se corrixan, a "comunidade internacional" continuará a ser máis parecido a un grupo que fai os coros ao solista norteamericano do que con calquera outra cousa. 

Mar de Lumes promove unha concentración de solidariedade coa Ucraína antifascista. Que obxectivos perseguen?

A continuación do mundo unipolar ou que se consolide a reaparición dun mundo multipolar é o que está en xogo

O obxectivo primario é o que caracteriza este tipo de mobilizacións que en Mar de Lumes realizamos constantemente por todo o país: axitar a consciencia colectiva, social. Neste caso concreto, do que se trata é de servir como expresión antiimperialista, partindo da idea asumida de que na Ucraína hai un conflito imperialista, en grande medida instigado, financiado e armado por medio do imperialismo occidental, coa participación directa do Departamento de Estado dos EUA, da UE, do FMI e doutras institucións occidentais, e que o tal conflito ten importantes consecuencias non só no curto prazo das sancións e dos bloqueos económicos, como tamén a longo prazo. A continuación do mundo unipolar ou que se consolide a reaparición dun mundo multipolar é o que está en xogo. E niso todos os povos teñen algo a dicer. Tamén o galego, evidentemente.