00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

SANIDADE PÚBLICA

As persoas afectadas pola hepatite C protestan en Vigo polo atraso do novo fármaco

Redacción | @VigoDixital  |  29 de diciembre de 2014 (20:47 h.)
Recollida de sinaturas no hospital Xeral (Foto: Plataforma de Afectadas pola hepatite C)

A plataforma galega concentrouse na entrada do hospital Xeral, onde recolleron sinaturas ante a “situación crítica” de centos de enfermas.

A loita das persoas enfermas de hepatite C chegou a Vigo. A plataforma galega de persoas afectadas, xurdida hai poucos días, concentrouse nas portas do hospital Xeral para exixiren que se axilice a entrega do novo fármaco, Sofosbuvir. O seu atraso estaría a provocar graves consecuencias, físicas e psicolóxicas, segundo denuncian as doentes. 

O fármaco, que ten unha porcentaxe de cura superior ao 90%, debía ser financiado polo goberno desde o pasado 1 de outubro. Porén, miles de persoas enfermas --unhas 35.000 só en Galiza-- agardan polo medicamento que, aseguran, lles pode salvar a vida. A plataforma celebrou un acto similar en Compostela, onde continuaron coa recollida de sinaturas para premer á Xunta a que atope unha solución.

Miles de persoas enfermas, unhas 35.000 só en Galiza, agardan polo medicamento que, aseguran, lles pode salvar a vida.

Denuncian que “prácticamente” ningunha persoa enferma de hepatite C está a recibir Sofosbuvir. Tampouco aquelas que están nunha situación máis urxente. “Cando temos un episodio de crise, que sufrimos periódicamente, supón longos ingresos, transfusións de sangue, transplantes e ligaduras de varices. Procesos que son longos e custosos, polo que o argumento económico cae por si propio”, apunta a voceira das afectadas, en declaracións recollidas pola axencia EFE. O maior obstáculo é precisamente o económico, posto que un ano de tratamento ascende a 55.000 euros. 

Carreira dende Vigo a Santiago

A plataforma prepara novas accións para o vindeiro ano, ante o anuncio do goberno de que o tratamento non estará dispoñíbel para todas as enfermas. O próximo 4 de xaneiro realizarán unha carreira de relevos, desde Vigo até Santiago, co obxecto de sumaren apoios e visibilizaren a crítica realidade das persoas doentes de hepatite C, baixo o lema “Correndo pola vida”.