00:15 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

ELECCIÓNS SINDICAIS

O persoal de Citroën terá que optar entre cambio ou continuidade na representación sindical

O 3 de outubro realizaranse as eleccións sindicais na factoría de PSA en Vigo. 7.000 operarios e operarias escollerán aos e ás 33 integrantes do novo Comité de Empresa. Os sindicatos están en campaña explicando as súas propostas.

Redacción | @VigoDixital  |  22 de Septembro de 2014 (14:33 h.)
Máis accións:

[Imaxe: citronoticias.com]
[Imaxe: citronoticias.com]

 

O cadro de persoal  (7.000 traballadores e traballadoras) da factoría de PSA Peugeot Citroën da nosa cidade elixirá, mediante votación o próximo 3 de outubro, a súa representación sindical para os próximos catro anos. As organizacións sindicais están inmersas en plena campaña electoral para daren a coñecer a súa proposta. Escolleranse 33 integrantes do Comité de Empresa, catro menos que nas anteriores eleccións de 2010 polo menor número de empregadas e empregados. 6 serán designados polo Colexio de Especialistas e Cualificados e os 27 restantes polo Colexio de Especialistas e non cualificados, no que se inscriben a maioría dos operarios e operarias.

Estas eleccións prodúcense nun contexto de crecente conflitividade na empresa, a consecuencia da “represión sindical”, a maior precariedade e o aumento dos ritmos de traballo, denunciados pola CIG. O persoal acudirá a votar coa intensa campaña de protestos pola readmisión dos traballadores despedidos Paco e David, inda fresca na memoria. Nos últimos catro anos o SIT-FSI foi a forza sindical maioritaria, con 21 representantes no Comité, fronte os 5 da CIG, os 7 da UGT e os 4 de CCOO.

A CIG aposta por facer fronte á precariedade

“De ti depende todo”. Con este lema a Confederación Intersindical Galega chama ao persoal da fábrica a empregar o seu voto para forzar un cambio. O cerne da campaña da central nacionalista é denunciaren o aumento da precariedade nas condicións de traballo e de contratación impostas pola dirección da factoría. Así o deixa patente o spot en vídeo que presentaron hai poucos días.

Face esta situación a CIG chama a usar o voto como un instrumento de loita e mobilización, e pide o apoio para a súa candidatura “para manter a cultura sindical e de clase” da que fan a súa seña de identidade, fronte outras candidaturas.

UGT quere un liderado forte para chegar a acordos

A sección sindical de UGT presentase aos comicios facendo valer a súa andaina, que resumen en “traballo, responsabilidade e compromiso”. Defenden a necesidade dun liderado sindical “firme” amosando a súa disposición a “chegar acordos” e “consensos” coa empresa.

CCOO chama a votar sen medo

Pola súa banda Comisións Obreiras apela ao plantel a que exerza o seu voto sen medo avalando o “sindicalismo serie e de clase”, que o seu sindicato representaría na fábrica. “Non podedes permitir que pisoteen a vosa dignidade acosellándovos o voto”, aseguran nunha circular en alusión a mandos e outros cargos da empresa. “Debemos derrocar entre todos e todas esta perigosa maioría [SIT] par ter un novo aire de liberdade” propugnan.

SIT-FSI defende os seus “logros”

O maioritario Sindicato Independente de Traballadores, de coñecida proximidade aos postulados da empresa, concorre a un novo proceso defendendo os “logros” conseguidos nos últimos catro anos, entre os que destacan o “diálogo” e a “negociación” coa dirección. Os valores cos que presentan a súa candidatura son os de “credibilidade, transparencia, continuidade, perseveranza e camiño recto”.

CUT presenta candidatura por vez primeira

Por vez primeira a Central Unitaria de Traballadores/es (CUT) foi quen de presentar candidatura en solitario en Citroën. A CUT formalizou unha candidatura integrada por 36 persoas. O sindicato independentista aspira a obter representación no centro, para ofrecer unha “alternativa real que vele polos intereses” dos e das traballadoras.