00:25 h. sábado, 27 de abril de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

O clamor social pola retirada da Cruz fascista do Castro volveu manifestarse ao seu pé

Redacción | @VigoDixital  |  16 de octubre de 2014 (15:02 h.)

A pesar da forte choiva arredor de 150 persoas concentráronse no monte do Castro para exixiren o derrube do monumento con fortes críticas contra PSOE e PP. [Vídeo e galería de imaxes no interior]

[Vídeo: GZVídeos]

Preto de cento cincuenta persoas concentráronse onte ao pé da “Cruz dos Caídos” no monte do Castro, para exixiren a inmediata retirada deste símbolo fascista de 12 metros de altura, que foi inaugurado por Francisco Franco en 1961. A convocatoria, impulsada por unha vintena de organizacións sociais, políticas e sindicais da cidade, ficou deslucida pola forte choiva que caeu durante toda a xornada de onte. De feito, segundo trasladaron responsábeis de varias das organizacións convocantes a concentración estivo a piques de se suspender.

Porén, malia a choiva e o terreo enlamado, o acto finalmente tivo lugar, nun formato máis reducido e breve que o inicialmente previsto aproveitando un pequena tregua climatolóxica. Desde as escalinatas do monumento, o xurista Fernando Martínez Randulfe deu lectura a un manifesto no que se reiteraba o reclamo social de derrubar a cruz por constituír un monumento de exaltación fascista. 

"Os que levantaron este monumento hai cincuenta anos explicaron con radical claridade o que querían simbolizar"

“Desconfíen do valor de cruz cristiá que algún oportunista quere darlle. Os que levantaron este monumento hai cincuenta anos explicaron con radical claridade o que querían simbolizar. Non deixaban nin sombra de dúbida de que exaltaban a vitoria pola forza contra os dereitos e liberdades democráticas, a eliminación física do adversario” explicou Randulfe, botando por terra o principal argumento esgrimido polo Goberno municipal socialista para recurriren a sentenza que mandata a retirada da Cruz. “Chantaron esta cruz para enxalzar o terror e o terrorismo, entendido como o dereito de tirarlle a vida aos homes e mulleres que non pensaran como eles, e como condena ao ostracismo social das vítimas” acrecentou. 

Berros de “abaixo o fascismo” e “Caballero, PP, a mesma merda é” foron as consignas máis repetidas. No acto participaron tamén representantes da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, como o seu Presidente Telmo Comesaña, quen nunha recente vídeo entrevista para VIGO dixital cargaba con dureza contra a posición adoptada por PSOE e PP de manteren un monumento “que ofende ás vítimas do franquismo e aos seus descendentes”.

 

Galería de imaxes


[Imaxes: Ernesto Ilkerman e CIG]