
RSP e CGT tomaron a decisión ante o despregue policial e de bombeiros na praza do Rei para evitar que se instalaran fronte ao Concello.
Mentres a atención se centraba na praza do Rei, onde un pequeno grupo se concentraba unha vez máis pola caótica xestión dos servizos sociais do Concello, outros membros do colectivo comezaban a montar unha nova acampada da dignidade na Cruz do Castro.
Ninguén agardaba que o lugar escollido sería o símbolo fascista, envolto nunha agre polémica nas últimas semanas. A decisión tomouse ante o despregue policial e de bombeiros, que estaban preparados para evitar unha acampada fronte ao Concello.
O desaloxo violento da primeira acampada, que foi retirada por decenas de axentes antidisturbios, de madrugada e sen aviso previo, non freou aos membros da Rede de Solidariedade Popular (RSP) e do sindicato CGT, que volveron a levantar as tendas xunto ao pé da cruz. Membros da plataforma Xuntos tamén participaron da acción.
Os acampados e acampadas non temen unha nova intervención das forzas de seguridade, que os sacaron a rastro das tendas no primeiro campamento. “Imos a resistir porque non nos queda outra, até que non se solucionen os graves casos das familias presentes e de moitas na cidade, non pensamos parar”, asegura un integrante.
Os colectivos preparan ademais unha nova concentración para este sábado 18 diante da Delegación da Xunta en Vigo. O colapso das axudas de emerxencia social e o retraso dun mes na resolución do cheque social, que comezou a pagarse esta segunda feira, volverán a ser o centro das reivindicacións.