15:49 h. viernes, 26 de abril de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

O cheque social do Concello non se comezará a aboar até final de ano

Redacción | @VigoDixital  |  19 de septiembre de 2014 (21:49 h.)
Isaura Abelairas [Imaxe:Vigo.org]

O colapso no departamento que dirixe a concelleira Isaura Abelairas causa un novo atraso na resolución das axudas, a pesar do endurecemento das bases para reducir o número de solicitudes. O Concello incumpre o prazo de 90 días fixado nas bases, alargando a espera de máis de 2.000 persoas en situación de pobreza. 

Polo menos até mediados de outubro non se comezarán a resolver definitivamente as máis de 2.000 solicitudes para acceder ao coñecido como cheque social. Así o recoñecen fontes dos propios servizos sociais do Concello de Vigo, que sinalan a imposibilidade de as tramitar en prazo pola alta carga de traballo e o escaso persoal, como xa denunciaron no pasado. Esta demora administrativa provocará que o abono ás persoas beneficiarias se atrase tamén, previsibelmente, até finais de ano.

O Concello prometera nas bases das axudas resolvelas antes de 90 días, logo da polémica do ano pasado cando se atrasaron até finais de ano. Esta mesma semana, cando xa rematara o prazo, os servizos sociais inda estaban requirindo a ducias de solicitantes nova documentación. Até que non se resolvan todas, non se poderán repartir os dous millóns de euros da partida.

Colectivos sociais levan semanas denunciando o colapso nos servizos sociais municipais

A principal axuda municipal para familias empobrecidas da cidade volverá a retrasarse malia os anuncios optimistas da Concellería de Benestar Social. Organizacións sociais levan semanas advertindo de que, a pesar do endurecemento das bases para limitar o número de solicitantes –mil menos que o pasado ano-, se repetirían as demoras.

O departamento de Benestar Social segue a acumular ademais miles de axudas de emerxencia, a outra prestación, con retrasos no pagamento dende marzo. Os datos auguran que o colapso nos servizos sociais se manterá o que resta de curso. Queda por ver se finalmente e como sinalan, o cheque social poderá comezar a resolver o mes que vén ou haberá un novo aprazamento para unha axuda que as persoas beneficiaras precisan, porén, con grande urxencia.